Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Moeche inicia hoxe luns en Abade a rolda anual de asembleas participativas


“Todas e todos somos parte activa no desenvolvemento do noso concello como territorio e todas e todos temos ideas para melloralo día a día”. Con esa filosofía -que encabeza a convocatoria remitida recentemente á veciñanza- naceron hai varios anos as asembleas participativas promovidas polo Concello de Moeche. A rolda de contactos viuse interrompida nos dous últimos anos polas restricións da pandemia e agora, nun escenario de nova normalidade, o Goberno local recupera o seu formato habitual de encontros veciñais nas distintas parroquias onde se fala da situación do territorio e se formulan propostas que despois -se son asumibles- o Concello busca a maneira de facer realidade. Neste sentido, o Concello de Moeche programou para esta semana as xuntanzas nas distintas parroquias, que arrancan no serán deste luns no local social de Abade. Todas as asembleas celebraranse ás 19:30h.

As xuntanzas teñen por obxectivo favorecer a participación veciñal na toma de decisións sobre múltiples cuestións e, principalmente, recoller ideas sobre programas e investimentos que poidan contribuír a mellorar a calidade de vida no municipio. Os encontros son na práctica “un foro de debate para coñecer de primeira man necesidades das parroquias expresadas polas súas veciñas e veciños, que nuns casos xa as temos identificadas e noutros son actuacións ou melloras que a xente considera prioritarias e que a nós, como Concello, nos corresponde valorar e executar se son viables e somos capaces de xerar recursos para darlles resposta”, comenta Beatriz Bascoy.

O programa de asembleas veciñais vai desenvolverse entre o 24 e o 28 de outubro con encontros ás 19:30h nos seguintes lugares:

Luns 24 de outubro, local social de Abade
Martes 25 de outubro, antigo local electoral de Santa Cruz
Mércores 26 de outubro, local social do Pereiro (San Xurxo)
Xoves 27 de outubro, Casa do Concello (San Xoán)
Venres 28 de outubro, local social do Ventoeiro (Labacengos)
A alcaldesa destaca “a boa resposta” das veciñas e veciños de Moeche á hora de “facer propostas realizables” que en boa medida xa se foron incorporando aos sucesivos orzamentos municipais e executando nos últimos anos.

“Do que máis se fala, polo xeral, é de servizos básicos como auga e saneamento ou a mellora de pistas, aínda que nas asembleas tamén se abordan outros temas máis relacionados con servizos asistenciais, programacións de lecer para a xente maior e a mocidade, e o apoio á veciñanza en cuestións que lle preocupan, aínda que non sexan de competencia municipal, como foi o caso do servizo de Pediatría”, apunta a rexedora engadindo que para o Goberno local as asembleas participativas “son unha ferramenta imprescindible” de cara a deseñar as políticas municipais “contando coa xente”.